Proba de expresión oral da segunda avaliación:
Este trimestre tes que investigar e falar con algunha persoa maior de 40 anos sobre o Entroido. Debes gravar un audio ou un vídeo coa conversa e a túa intervención ten que ser superior a un minuto e medio.
Prazo de entrega:
Desde o 14 de xaneiro ata a sesión de clase do 9 de marzo.
Forma de entrega:
- lapis de memoria
- correo a linguanasenra@gmail.com
- aula virtual
Organización da conversa:
- Preséntate e dá algún dato da persoa que entrevistas: nome, relación contigo (familiar, veciñanza, amizade...), idade aproximada, lugar de nacemento e concello onde vive na actualidade.
- Comeza a entrevista facéndolle diferentes preguntas, por exemplo: como se celebraba o Entroido na zona onde vivías?, como eran os disfraces?, a que lugar iades de festa?, que costumes acompañaban esta data? Se cadra tamén lembra algunha anécdota desa época que che poida contar ou ao mellor conserva algunha fotografía de disfraces que che poida ensinar. E seguramente che poida explicar como se fai algunha das receitas do que comemos nestas celebracións.
- A continuación podes explicarlle como o celebras ti o Entroido hoxe en día no CPI, na casa, coas túas amizades...; e podes contarlle algunha anécdota que che pasase a ti ou a algunha persoa coñecida.
- Finalmente debes despedirte pero antes agradécelle a súa colaboración.
Lembra que non tes que seguir esta orde exacta e que podes modificar o guión en función da conversa que vaiades tendo.
Recomendacións:
- Prepara un guión do que queres preguntar para non quedar en branco.
- Non se trata de ler, senón que debes falar con naturalidade.
- Fala amodo e con claridade.
- Usa xestos e entoación para faceres máis interesante a conversa.
- Se te trabucas ti, ou a persoa coa que falas, continuade con calma, non pasa nada.
